Proyecto Volandeira Salimar alimentos del mar

Proyecto Volandeira Salimar alimentos del mar

A volandeira é un molusco bivalvo, filtrador, que vive en fondos de area e cascallo, desde o infralitoral deica os 80 metros de profundidade.Ten un crecemento moi rápido,polo que ao ano xa acada os 40mm. mínimos requiridos legalmente para a súa comercialización. Por mor das especiais, e case únicas, condicións que presentan as Rías Baixasgalegas, a nosa volandeira (Aequipecten opercularis) presenta unha calidade e sabor únicos: o seu baixo contido en colesterol e a grande cantidade de vitaminas que contén fan recomendable a súa inclusión nunha dieta sá. Ademais ofrece múltiples posibilidades culinarias e trátase dun produto moi económico, ao alcance de calquera peto. Non obstante dáse o paradoxo de que resulta unha gran descoñecida para o consumidor final, que adoita confundila con outras especies semellantes.Estas premisas levaron a que a Confraría de Pescadores “San Xosé” de Cangas se plantexase diversas cuestións a este respecto, e tentase procurar solucións a aspectos deste asunto, tales como dar a coñecer o seu produto nas distintas facetas (calidade, economía, propiedades alimenticias, posibilidades culinarias…) tentar desestacionalizalo, ofrecer alternativas de presentación distintas á venda en vivo, etc… Os xestores da confraría traballaron nesta dirección e, así, a finais de marzo de 2010, a entidade presentou perante o Grupo de Acción Costeira Zona 7, Ría de Vigo-A Guarda, expediente de solicitude de axudas, ao abeiro da Orde do 27 de agosto de 2009, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para proxectos ao abeiro dos plans estratéxicos zonais, aprobados pola Consellería do Mar aos grupos de acción costeira, e se procede á súa convocatoria para o ano 2009, para o proxecto denominado “CULTIVO, DESEÑO E ELABORACIÓN DUNHA LIÑA DE PRODUTOS E A PROCURA DE CANLES DE COMERCIALIZACIÓN DA VOLANDEIRA DA RÍA DE VIGO”. O referido proxecto ten como obxectivo principal o cultivo de volandeira na ría de Vigo, unha zona que de seu presenta un gran potencial para o desenvolvemento do cultivo de volandeira, cunhas condicións excepcionais, tal e como indica a existencia dun gran banco natural desta especie. Co cultivo deste molusco, a nivel biolóxico, e como efecto inmediato destes labores, obteríase un reforzo do stock reprodutor da propia Ría, o que contribuiría ao mantemento dos bancos naturais por achega de recrutas, ao manterse aos adultos con capacidade de reprodución nunhas condicións máis vantaxosas que no medio natural (eliminación de predadores, escollas, limpezas…). Outro dos grandes obxectivos do proxecto é o de estudar e analizar os mellores métodos de transformación e canles de comercialización do produto, a fin de acadar un valor engadido para este marisco, o que facilitaría en gran medida unha explotación máis racional do recurso. Como obxectivos específicos do proxecto atópanse:

>> Coñecemento da época de asentamento da semente, por medio do estudo do ciclo reprodutor da volandeira nos bancos naturais da Ría, datos a partir dos que se confecciona unha relación das datas de desove. Coas pautas de recrutamento desta especie téntase acadar a optimización do rendemento dos colectores deste bivalvo.

>> Aplicación das técnicas de cultivo en uso (pre-engorda e engorda), ás condicións naturais da ría de Vigo, de cara a optimizar o rendemento (crecemento e supervivencia) ata acadar o talle comercial. >> Utilización dun método de traballo continuado nas operacións de fabricación de colectores, desapegue, preengorda, engorda e limpeza.

>> Emprego dun método de traballo para a transformación do produto, que garanta unha explotación racional e un valor engadido para este.

>> Realización dun completo estudo de mercado que garanta unha maior rendibilidade para o sector profesional que captura volandeira na ría de Vigo.

En definitiva, preténdese potenciar a incorporación de novos sistemas de trazabilidade da volandeira da ría de Vigo. Mais, para poder acadar unhas metas tan ambiciosas, faise precisa a colaboración doutros organismos e entidades que poidan complementar os medios dos que dispón a confraría de Cangas, e asemade aporten coñecementos e experiencias en distintos eidos, que posibiliten a consecución dos obxectivos marcados. Así os principais colaboradores neste proxecto foron o equipo do Centro Costeiro da Coruña pertencente ao Instituto Español de Oceanografía, e a empresa San Antonio Alimentos del Mar, S.L.

http://www.issuu.com/titovyp/docs/salimar_proxecto_volandeira